A verdade sobre o número de prazas


O artigo A verdade sobre o número de prazas foi publicado orixinalmente no blogue da Asemblea Libre de Estudantes de Medicina (ALEM) en 10 de maio de 2011.


Lembrándomos a protesta convocada para mañá ás 13h diante da facultade de Medicina, é preciso facer un repaso aos últimos feitos que teñen acontecido acerca da posíbel diminución do número de prazas.

O estudantado levamos anos pedindo que cese o aumento indiscriminado de prazas. No ano 2005-2006 había 260 prazas para novos estudantes que entrasen en primeiro. No actual ano 2010-2011, este número é de 400. A nivel global do Estado o número total de estudantes novos aumentou en 55%, até os 6.733, mentres que o número de prazas do MIR diminuíu en 4%, até os 6.255. Contando que ao exame do MIR tamén se presentan estudantes provenientes do estranxeiro e xente que quere repetir o exame, temos que hai máis candidatos a médicos que prazas do MIR. Se a isto sumamos as validacións de títulos médicos do estranxeiro, uns 45.000 na última década, temos un número total me médicos máis elevado do que o sistema sanitario pode absorber. E, como se ve cada convocatoria, o número de persoas que opositan a postos no Servizo Galego de Saúde é moito maior que as prazas ás que optan.

Por que din que hai carencia de médicos? Pois porque é o xeito máis fácil de xustificar o mal funcionamento da sanidade. Así, os gobernantes poden alegar que a culpa non é deles e diciren que con aumentar as prazas de estudantes de Medicina arránxase. E se os estudantes de Medicina se queixan, eles alegan que é por non quereren competencia, por pretenderen ser uns privilexiados. Así, sen gastaren un peso, dan aparencia de estaren a solucionar o problema. O que non ven é que se pode repetir unha situación insustentábel como a da década de 80, onde un elevadísimo número de médicos estaban desempregados ou subsistían con contratos-lixo por horas. Unha situación que levou máis de quince anos arranxar.

No caso concreto de Santiago, o aumento de 260 a 400 prazas fíxose sen aumentar o orzamento que a USC dedica a Medicina. É máis, mesmo chegando a diminuír por causa da crise. Entón, hai máis estudantes con menos recursos para a súa educación.

Despois de escritos, peticións, decisións unánimes entre estudantado e decanato e mesmo manifestacións, todo parecía indicar que para o ano serían reducidas as prazas a 300 ["A Universidade de Santiago reduce cen prazas de Medicina" LVG 6/5/2011]. Era unha decisión lóxica que contou finalmente co apoio do reitorado. Non obstante, a Consellaría da Educación da Xunta de Galicia, á frente da cal está o sr. Jesús Vázquez Abad, por boca do Secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, anunciou que van botar abaixo a proposta e manter as 400 prazas actuais ["Educación apuesta por no variar las plazas de Medicina y mantener las 400 actuales" ECG 10/5/2011].