A verdade sobre a descentralización


O artigo A verdade sobre a descentralización foi publicado orixinalmente no blogue da Asemblea Libre de Estudantes de Medicina (ALEM) en 28 de abril de 2011.


O VERDADEIRO MOTIVO DA DESCENTRALIZACIÓN

A clase política da Coruña e Vigo decidiu que, xa que tiñan cada un súa Universidade, querían tamén cada un súa Facultade de Medicina. Os partidos políticos a nivel galego viron a oportunidade de gañar votos nas dúas maiores cidades galegas e apoiaron a idea. Mais faltáballes unha escusa para facelo, xa que a Facultade de Medicina da USC era suficiente e competente naquela altura. Resolveron alegar unha falta de médicos, e propor como solución definitiva aumentar o número de prazas de estudante de Medicina. Non quixeron ver que hai moitos médicos no paro por falta de traballo na sanidade pública, nin que cada vez haxa menos prazas de residente para especializarse, nin que moitos médicos decidían ir a outros países por teren mellores condicións de traballo fóra. Non, decidiron aumentar as prazas e facer campaña para que quen nos opúñamos a tal aumento parecésemos elitistas que non queren competencia.

Deste modo saturaron Santiago até que non collesen os estudantes e así obrigar a descentralizar, enviándoos fóra. E, ao mesmo tempo, blindaron Vigo e A Coruña para que fosen os únicos destinos onde puidesen ir. De momento a Facultade de Medicina resistiuse, descentralizando apenas as prácticas, mais este ano A Coruña manifestou querer dar tamén a docencia do 4º curso e ir aumentando até dar todo o segundo ciclo. Para que? Para que sexa necesario contratar profesores e crear infraestruturas. Así, nuns anos, con estudantes, docentes e infraestruturas propias, dicir que non ten sentido continuar baixo a tutela da USC. Así, finalmente, teren a súa facultade. E resta dicir que atrás da Coruña irá Vigo, xa que para a clase política non ía permitir que Vigo fose menos que A Coruña.

E nós, no medio de todo isto. Somos os danos colaterais dunha guerra localista.

COMO FOI O PROCESO DA DESCENTRALIZACIÓN

Ao final do curso 2007-2008 o decanato decidiu facer un modelo cuadrimestral para aplicar o ano seguinte, onde os estudantes estivesen un cuadrimestre en Santiago coa teoría e outro na Coruña, Vigo ou Santiago coas prácticas. Nunha Xunta de Facultade que tivo lugar no mes de xullo, despois dos exames, os representantes de estudantes, que xa estaban de vacacións, acudiron á Xunta de Facultade e botaron abaixo a proposta. Así, grazas e eles, no curso 2008-2009 non houbo descentralización.

No curso 2008-2009 houbo unha serie de asembleas e xuntanzas coa equipa decanal para ver cal sería o mellor método para descentralizar as prácticas. Acordos entre o reitorado, consellaría e diversas institucións resolveu que 50 estudantes de cada curso irían para Vigo e outros tantos para A Coruña. O estudantado era unánime na súa reivindicación: Que só fosen fóra os voluntarios, sen obrigar ninguén mesmo que non se enchese o número pactado de 50. Mesmo houbo unha manifestación para reivindicar isto e outra para deter o aumento do número de prazas de estudante de Medicina. Lamentabelmente, fracasouse. As institucións cederon pouco e, ao final, saíu un modelo que non agradou a ninguén: Os naturais de Vigo e da Coruña irían facer as prácticas ás súas cidades natais, ao igual que unha porcentaxe de estudantes de fóra do Estado (eufemismo que oculta unha clara discriminación ás persoas de nacionalidade portuguesa). As listaxes foron feitas polo Vicedecano de Práctica Clínica e era el quen, en base ás alegacións persoais, decidía quen podía ficar en Santiago e quen ía descentralizado. O único que nos deron foi que puxeron buses, cuns horarios infernais, para aquela xente que tivese que ir e vir a diario. E que aquela xente que fose descentralizada un ano non tería que repetir para o seguinte.

Durante este ano tamén se realizou o novo plano de estudos, o arquicoñecido Plano de Boloña, que entraría en vigor para os de primeiro curso no ano 2010-2011. Nese novo plano resolveuse que non habería prácticas até sexto, que sería un curso denominado rotatorio, só con prácticas. Ao facer isto, vóltase ao modelo que existía hai anos, onde ao chegar a sexto a xente escollía o hospital galego que preferise para facer as prácticas todo o ano. Unha vez que se decide isto, a descentralización pasa a ser apenas un parche para os estudantes que aínda fiquen no plano antigo, que expiraría en 6 anos a partir de que entrase en vigor o novo.

No curso 2009-2010 os descentralizados sufriron as consecuencias, mais coa idea de non seren ao ano seguinte. Mais claro, ao non repetiren os mesmos, non había o número suficiente de estudantes de Vigo e da Coruña para encher ese cupo de 50 estudantes por curso para cada cidade. Entón o Vicedecano mudou as condicións de xeito unilateral e fixo un sorteo. Meteu os nomes de todos os estudantes nunha bolsa e foi sacando nomes até encher o número prefixado deles. Alegou que, habendo buses, a xente podía ir e vir a diario sen problema.

E chegamos ao curso actual, 2010-2011, onde recibimos unha nova que xa se vía vir: A Coruña pediu a docencia teórica do 4º curso, para evitar ao estudantado ter que ir e vir no bus. Mais neste curso tamén mudaron os interlocutores, xa que as eleccións deron como resultado unha equipa decanal e unha equipa reitoral novas, sen moito coñecemento previo sobre a descentralización. E os estudantes que entraron en primeiro comezaron xa co plano de Boloña. No medio deste caos, o estudantado en asemblea decidiu un modelo onde todo o mundo fixese prácticas mes e medio na Coruña ou Vigo e o resto, xunto coa teoría, en Santiago. Así habería igualdade para todos e non habería necesidade de dar teoría na Coruña. Isto foi denominado modelo C, e é o defendido actualmente. A equipa decanal xunto co reitorado, por súa parte, tiveron unha idea: Se para o ano os de 4º pasan a Boloña, non teñen que ir descentralizados e, ao mesmo tempo, habería máis espazo no hospital e os de 5º e 6º tampouco terían que se ir (cousa errada, pois as prácticas de cada curso son en servizos diferentes). Iso si, dixeron que só farían pública esta proposta despois das eleccións municipais do 22 de maio. Alegaron non querer influír nelas, demostrando unha vez máis como os intereses políticos priman fronte a calidade no ensino que demanda o estudantado.