Debate das eleccións a decano


O artigo Debate das eleccións a decano foi publicado orixinalmente no blogue da Asemblea Libre de Estudantes de Medicina (ALEM) en 26 de xaneiro de 2011.



Como xa saberedes, o día 16 de decembro houbo eleccións a decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía. O Dr. Fraga deixou atrás 8 anos á frente da facultade para deixar paso ao Dr. Gestal. Actualmente, e durante os próximos 4 anos, será el quen represente e coordene o ensino da Medicina en Galiza.

Mais como o Dr. Gestal non era o único candidato, senón que tamén optaba ao posto o Dr. Crespo, desde a ALEM decidimos organizar un debate aberto a toda a xente no día 13 de decembro. Nel os candidatos explicaron os seus proxectos e obxectivos e responderon ás preguntas que se lles formularon. Así, todo o mundo puido ter unha opinión ben formada sobre cal era o candidato que lle parecía mellor.

Desgrazadamente nas eleccións a decano só teñen voto os membros da Xunta de Facultade, e non todos os estudantes como sería desexábel. Por iso a ALEM, dado o seu carácter asembleario, fixo unha sondaxe onde se lle preguntou a todo o estudantado cal dos candidatos achaba o mellor. Unha vez tidos os datos, todos e cada un dos representantes votou pola opción do estudantado. Este é o sistema que se usa na ALEM, xa que antes de cada grande decisión sempre hai unha asemblea para que todos os estudantes poidan falar e votar, sendo a ALEM apenas unha correa de transmisión da opinión do estudantado ás institucións.

Pois ben, hoxe ofrecémosvos aquí dous vídeos coas intervencións do que foi vencedor nas eleccións, o actual decano Dr. Gestal. Os vídeos fican como testemuñas de todo o que ese día foi dito, coa esperanza de que todas esas boas palabras e proxectos non acaben no esquecemento.





[Todos os vídeos están dispoñíbeis no canal de Youtube da ALEM: http://www.youtube.com/asemblealibre]