Galeguizar o nome


O artigo Galeguizar o nome foi publicado orixinalmente n'Os Arquivos da Meiga en 15 de decembro de 2010.


Resumo do que tes que facer:
  1. Encontra a forma correcta galega do teu nome/apelidos.
  2. Vai ao Rexistro Civil en que esteas e galeguiza a túa partida de nacemento cunha instancia.
  3. Pide nese rexistro o certificado de galeguización do nome.
  4. Con ese certificado e unha instancia, vai á comisaría e actualiza o DNI.
  5. Co certificado e DNI, actualiza toda a túa documentación (Banco, Seguridade Social, Xabarín Club...).
  6. Ten unha vida longa e próspera co teu novo nome.


Ao abeiro da lei Lei 40/1999, é totalmente legal, á parte de sinxelo, galeguizar o nome dunha persoa.

Antes de máis, asegúrate de escoller a forma galega correcta do teu nome. Para iso pode ser útil a listaxe de nomes en galego d'A Mesa ou o simulador de nomes e apelidos da campaña Chámate con xeito da UVigo. Ten en conta que hai nomes que presentan diversas variantes (Xacobo, Xacobe, Xácome, Iago, Tiago e Santiago derivados todos do latín [Sant] Iacobus; Xavier e Xabier, ambas as maneiras correctas...) e son todas igual de válidas. E non te deixes levar por castelanismos (*Ánxel en lugar dos galegos Anxo e Ánxelo) ou hipergaleguismos, asegúrate sempre de escoller a forma certa. Neste sentido, a RAG nomeou como criterio de autoridade o Dicionario de nomes galegos de Ir Indo.

No tema dos apelidos é algo máis complicado encontrar a forma galega correcta, xa que entran varios factores (apelidos foráneos [Nieto, Hernández...], apelidos escritos coa grafía medieval do galego [Sanjurjo, Janeiro]...). Depende de ti escoller a forma que desexares, mais pode ser de utilidade a seguinte listaxe de apelidos. [Actualización: En 2017 a RAG sacou o libro Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización, que é o usado na administración da xustiza para a galeguización de apelidos]

No caso de dúbida, podes pórte en contacto co servizo de normalización lingüística da USC (snlisa@usc.es), a campaña Chámate con xeito da UVigo (chamateconxeito@uvigo.es) ou a mesma RAG (lexicografia@realacademiagalega.org) e eles han de te orientar da forma lexítima galega.

Nota: Também é possível passá-los a galego segundo a grafia galego-portuguesa, como fijo por exemplo o senhor Valentim Rodrigues Fagim. Para isso põe-te em contato com a AGAL (http://pglingua.org/) ou a AGLP (http://aglp.net/) e eles orientarão-te.

Debes comezar por mudar o nome da partida de nacemento. Para iso vai persoalmente ao Rexistro Civil onde esteas rexistrado o teu nacemento. Pide alí, en primeiro lugar, unha fe de vida. Unha vez que a teñas, presenta no Rexistro unha instancia solicitando que se proceda á galeguización do nome, ao abeiro da Lei 40/1999. A esta instancia debe acompañala unha fotocopia do DNI e un certificado de nacemento. Por último, debe solicitar unha certificación da mudanza no Rexistro.

Modelos de instancia de galeguización do nome:

Modelos de instancia de galeguización dos apelidos:

Coa acreditación de ter rexistrado o nome e/ou apelidos en galego, poderase proceder xa á galeguización en toda aquela documentación persoal, comezando polo carné de identidade e seguindo por aqueloutros documentos nos que non figure o nome e/ou apelidos en galego, tales como: NIF, cartilla da seguridade social, carné de conducir, recibos varios, contratos...

Para galeguizar o nome e/ou apelidos no documento de identidade, cumprirá dirixir outra instancia, xunto con copia da certificación do Rexistro Civil, á comisaría de policía correspondente mediante a que solicita o cambio para o galego. Na dita comisaría –de conformidade coa orde do 18 de abril de 1995, sobre renovación do documento de identidade para substituír o nome propio polo equivalente en calquera das linguas do Estado– facilitarase un novo documento de identidade co nome e/ou apelidos en galego.

Modelos de instancia de actualización do nome no DNI:

Nos demais documentos, a galeguización do nome e/ou apelidos consistirá ben na presentación do novo documento de identidade xa co cambio realizado, ben na da certificación do Rexistro Civil. Lembra que toda esta tramitación é totalmente gratuíta, que non te enganen.

Se se puxeren chulos e non quixeren galeguizar o nome, podes pedir un documento á RAG ou ás áreas de normalización lingüística das universidades galegas para que che expidan un certificado indicando que a forma que pides é a forma lexítima galega. Con ese documento non poden negarse legalmente á galeguización.

Ollo! Se es menor de idade has de ir cun dos teus pais/representante legal para realizar os trámites!

Ligazóns de interese: