Como funcionan as 3D da Nintendo 3DS?


O artigo Como funcionan as 3D da Nintendo 3DS? foi publicado orixinalmente en Memoria Pixelada en 9 de setembro de 2010.


Como saberedes, a nova portátil de Nintendo vai traer a capacidade de mostrar imaxes tridimensionais directamente. Isto é, non van ser necesarios ningún tipo de anteollos especiais. Pero... como é iso posíbel?

- Por que se ven as cousas en 3D?

O efecto 3D é un efecto óptico. Trátase de enganar ao ollo pensando que existe profundidade nunha imaxe plana. Isto lévase facendo dun xeito rústico toda a vida, por exemplo nos cadros pintados ao óleo, onde o artista xogando con sombras e tamaños crea a ilusión de que hai cousas en primeiro plano e outras máis atrás, cando en realidade o cadro é plano.

No caso do que se coñece hoxe en día como 3D é un chisco diferente. A visión tridimensional dos animais vén do feito de termos dous ollos. Na vida real cada ollo recibe unha imaxe lixeiramente distinta dada a súa posición diferente na cara e despois o cerebro encárgase de montalas e crear a imaxe que vemos finalmente. Para comprendelo tapade o ollo esquerdo e, acto seguido e sen mover a cabeza, destapádeo o tapade o dereito. Vese que a perspectiva é diferente segundo vexas cun ollo ou co outro.

Pois as pantallas 3D fan iso, mostran unha imaxe diferente a cada ollo para que o cerebro as monte creando unha ilusión. Isto pódese facer de varios xeitos, como o mítico das fotos que se vían cuns anteollos que tiñan un plástico vermello e outro verde, un para cada ollo. Iso impedía que cada ollo vise certas partes da imaxe, o que creaba unha perspectiva da imaxe diferente para cada ollo que o cerebro unía creando a ilusión das 3D. (Ai, míticos fascículos de dinosauros da miña tenra infancia...)

- Como se poden ver 3D sen anteollos?

Fronte ao método habitual con anteollos, chamado estereoscopía, existe un outro método que recibe o nome de autoesteroscopía. A autoesteroscopía é, de xeito xeral, toda a tecnoloxía que permite ver imaxes con sensación de 3D directamente na pantalla. Actualmente, o método que se usa para isto é Parallax Barrier (barreiras de paralelaxe). E este é, meus amigos, o método que usa a Nintendo 3DS.

- Si, si, moi interesante todo iso... pero como carallo funciona?

En primeiro lugar non hai motivo para ser tan groseiro coas preguntas. E que é iso de usar palabróns? Non ves que este blogue pode ser lido por nenos?

Pois ben, o método este das barreiras de paralelaxe é simple. Entre a pantalla de cristal líquido e a luz de detrás ponse unha barreira descontinua. Esta barreira provoca que cada ollo vexa unha imaxe diferente, que ao se uniren no cerebro crearán a sensación de 3D. Para comprendelo, sería como unhas reixas. O ollo dereito non pode ver certas partes do que hai detrás delas que si pode ver o ollo esquerdo e vice versa. Fagamos unha experiencia para velo: Colle un lapis e pono a media distancia entre a túa vista e o computador e fixa a vista neste texto. Se fechas o ollo esquerdo verás que o lapis tapa unha parte deste texto, se fechas o dereito verás que o lapis tapa outra parte distinta do texto, e se abres os dous verás que o lapis se ve esvaido e consegues ler todo o texto sen problemas. Pois iso a un nivel moito máis pequeno é o que fai o efecto.

Isto ten outra vantaxe, que é que se pode desactivar ou activar o efecto pondo ou quitando a barreira. Así, podemos escoller entre ver a imaxe en 2D ou en 3D, cousa que non permite o método dos anteollos. Incluso, regulando a barreira, pódese regular a intensidade do efecto.


- E se este método é tan abraiante, por que non se usa nas TV e nas salas de cinema?

Porque ten moitas eivas insalvábeis polo momento. Para comezar, tes que situar a pantalla totalmente recta defronte de ti, non vale outro ángulo de visión. Á parte, a pantalla non pode estar a máis de 60 cm dos teus ollos, porque a máis distancia tamén deixa de funcionar o efecto.