Sonic the Hedgehog (MD)


O artigo Sonic the Hedgehog (MD) foi publicado orixinalmente en Memoria Pixelada en 4 de agosto de 2010.



"Rompa la barrera del sonido en juegos de video con Sónico, "el puercoespín". Desplácese en una mancha usando el Super Ataque Circular de Sónico. Haga un bucle sobre bucle derrotando la gravedad. Usted incluso puede girar 360º en un laberinto circular, ¡Usted jamás ha visto nada igual!"

Son AmilGZ, e a partir de agora serei colaborador neste blogue. Preséntome a vós do mesmo xeito que os videoxogos se presentaron a min, aínda que eu o farei cun pouco máis de corrección gramatical. Era unha tarde de primavera cando uns parentes me regalaron a Mega Drive co Sonic the Hedgehog incluído. A miña primeira videoconsola, o meu primeiro videoxogo, o comezo dunha longa amizade. Aínda hoxe, moitos anos despois, boto de cando en cando unha partida naquel vello aparello.

O 23 de xuño de 1991 saía á venda no Xapón un xogo desenvolvido por Yuji Naka. Era un tempo de grande rivalidade entre a Sega e a Nintendo, e era preciso unha mascota carismática para facer frente ao fontaneiro Mario. Afortunadamente, o ourizo azul conquistou o corazón da xente e fixo despegar as vendas da Mega Drive en todo o mundo.

O xogo é un plataformas en dúas dimensións cunha calidade visual moi boa para a época, tanto que nin nestes tempos das 3D se fai feo ou desagradábel á vista. A historia é simple, o malvado Dr. Robotnik (Eggman no Xapón) está a converter animais en robots e Sonic terá que vencelo para liberalos. Para iso terá que superar 6 zonas, cada unha con 3 actos e un xefe final ao concluír o terceiro acto. Á parte, conta cunha zona final (Final Zone) e seis fases especiais (Special Stages) onde conseguir as Esmeraldas do Caos.

Se queres rememorar vellos tempos e queres xogar a el tes as seguintes opcións:

- Mega Drive co Sonic the Hedgehog
- Sega Saturn co xogo Sonic Jam
- PS2/XBOX/Game Cube co Sonic Megacollection
- Game Boy Advance co (pésimo) Sonic the Hedgehog Genesis
- Nintendo DS co Sonic Classic Collection
- Wii/XBOX 360 descargándoa da respectiva tenda virtual
- iPod baixándoo do iTunes
- E, obviamente, nun computador cun emulador

A que esperas para xogar?