Cronoloxía dos xogos de Pokémon


O artigo Cronoloxía dos xogos de Pokémon foi publicado orixinalmente en Memoria Pixelada en 5 de agosto de 2010.


Cronoloxía de todos os xogos RPG de Pokémon (omitindo Pokémon Stadium, Pokémon XD e outros xogos que escapan á liña principal).


1º xeración (Game Boy) - 151 pokémons

Pokémon Verde e Vermello (J)
Foron os primeiros dous xogos de Pokémon (Pocket Monsters no Xapón). Estas versións non viron a luz fóra do Xapón, xa que para a estrea mundial se fixeron dúas versións melloradas deste. Contra o que di a lenda popular, non é posíbel capturar a Mew. Só se pode conseguir cun evento de Nintendo ou facendo trucos aproveitando erros do xogo.

Pokémon Azul (J)
Foi unha reedición dos Pokémon Verde e Vermello, cunha mellora das imaxes dos pokémon e certos gráficos máis. Alén disto, conta cunha reestruturación da Masmorra Rara (onde se captura a Mewtwo) e mudan as localizacións de certos pokémons. Contra o que di a lenda popular, neste xogo non se poden conseguir os 150 pokémon sen intercambiar, senón que hai pokémons que saen nas edicións verde e vermella que non se podn capturar neste. E, obviamente, tamén é imposíbel capturar a Mew "legalmente".

Pokémon Vermello e Azul (U)(E)
Foron as versións que saíron á luz fóra do Xapón. Están baseadas na aparencia da edición azul xaponesa, mais en forma de dúas edicións como o vermello e o verde. A masmorra rara correspóndese coa mesma da edición azul xaponesa.

Pokémon Amarelo (J)(U)(E)
Foi unha reedición dos xogos anteriores con gráficos aínda mellores, unha certa especificidade coa Game Boy Color e a novidade de ser máis fiel ao anime. Comezas con Pikachu que che seguirá indo fóra da pokebóla e no camiño dás conseguido a Charmander, Squirtle e Bulbasaur. Como no caso do azul xaponés, é preciso ter as versións vermella ou azul para conseguir todos os pokémons.

2º xeración (Game Boy Color) - 251 pokémons

Pokémon Ouro e Prata (J)(U)(E)
Unha historia completamente nova e 100 pokémons novos. Á vella rexión Kanto, onde transcorrían os xogos anteriores, engádeselle agora a nova rexión de Johto. Ten moitísimas novidades como a diferenza dia/noite grazas ao reloxo interno, o pokérus, a diferenza de sexos, a crianza, a evolución por felicidade ou a equipaxe de obxectos fixer. Para moitos, estes son os mellores xogos de Pokémon.

Pokémon Cristal (J)(U)(E)
Reedición das edicións Ouro e Prata con poucas melloras como que as imaxes dos pokémons gozan de certo movemento, Suicune ten un novo xeito de se capturar e ten unha Torre de Batalla. Na súa versión xaponesa contaba cun aparello para poder intercambiar pokémons vía teléfono móbil. A pesar dos rumores, para conseguir a Celebi había que ir a un evento de Nintendo, mesmo na versión xaponesa.

3º xeración (Game Boy Advance) - 386 pokémons

Pokémon Rubí e Safiro (J)(U)(E)
Foi un xogo totalmente novo, adaptado ás características da Game Boy Advance. Veñen con esta versión 133 pokémons novos e infinidade de novidades, como o sistema de crianza de ovos mellorado, os concursos de pokémon ou os combates dous contra dous. Todo o xogo transcorre na nova rexión Hoenn e non se poden visitar as rexións anteriores. Para completar totalmente a pokédex é preciso, á parte destas dúas versións, as dúas versións vermello lume e verde folla, sendo a primeira vez que é preciso 4 xogos para capturalos todos.

Pokémon Vermello Lume e Verde Folla (J)(U)(E)
Remake dos primeiros xogos de pokémon con gráficos da Game Boy Advance. É a mesma historia mais con algunhas novidades, ataques e evolucións do rubí e safiro e unha arquipélago totalmente novo para explorar unha vez rematada a aventura en Kanto. O xogo orixinal vén cun adaptador para poder combater ou intercambiar pokémons sen fíos, sen ter que usar o cable link. Todo un luxo para nostálxicos que paga a pena xogar.

Pokémon Esmeralda (J)(U)(E)
Reedición mellorada do rubí e safiro, con poucas novidades como o retorno das animacións ao estilo Pokémon Cristal. Realmente poucas novidades ten, e quedou deslucido ao saír despois das versións vermella lume e verde folla.

4º xeración (Nintendo DS) -  493 pokémons

Pokémon Diamante e Perla (J)(U)(E)
Desta vez aparece unha rexión nova, Sinnoh. Está adaptada á nova portátil, polo que alén da mellora gráfica tamén tira proveito da pantalla táctil e a conexión sen fíos. Volta a diferenciación dia/noite que tiñan as versións ouro e prata e agora os pokémons machos e femias teñen subtís diferenzas no seu deseño.

Pokémon Platino (J)(U)(E)
É unha simple reedición dos diamante e perla. Conta con algunha novidade menor como a nova forma de Giratina ou Shaymin e tira máis porveito da conexión sen fíos grazas á nova Wi-Fi Plaza.

Pokémon Corazón de Ouro e Alma de Prata (J)(U)(E)
Remakes das versións ouro e prata. Voltan as rexións Johto e Kanto cunha mellora moi grande no aspecto visual e infinidade de novidades sacadas directamente das versións diamante, perla e platino. Ten novas historias paralelas que suceden durante o xogo, a posibilidade de levar calquera pokémon canda ti ao estilo Pokémon Amarelo. O xogo trae consigo un accesorio, o PokeWalker, que ao estilo dun Tamagotchi permíteche levar un pokémon descargado do xogo e adestralo en función do que camiñes con el. Todo un luxazo para quen tivo a ocasión de xogar os ouro e prata orixinais, e tamén para quen non.

5º xeración (Nintendo DSi/3DS?) -  ~650 pokémons?

Pokémon Branco e Negro (J: set-2010) (U: primavera-2011) (E: primavera-2011)
Aínda á espera da súa saída, xa se teñen algúns datos sobre este xogo. En primeiro lugar será un re-comezo para a saga, con novidades moi grandes. Terá certa compatibilidade coas edicións da DS (poderás pasar os pokémon a esta nova versión). As batallas pokémon contarán cunha nova perspectiva, e mesmo se rumorea a capacidade de ter batallas en 3D coa saída da Nintendo 3DS. Transcorrerá integramente na nova rexión Isshu. Mais a grande revelación será a Conexión Global Pokémon, coa que manter combates vía Internet. Máis info en Pokéxperto [ES].

Lexenda: (J) = Xapón;(U) = Estados Unidos;(E) = Europa.