Que é o reintegracionismo?


O artigo Que é o reintegracionismo? foi publicado orixinalmente n'Os Arquivos da Meiga en 14 de setembro de 2009.


A petición do usuario Taitow, fago este post para explicar un pouco o que vén a ser o reintegracionismo.

A historia das normativas do galego

Na Galiza a nosa língua foi prohibida, insultada e tida como dialecto rural do castelán. Durante os coñecidos como Séculos Escuros, despois da independencia de Portugal, o galego deixou de ser escrito no noso país. Só as elites sabían escribir, e estas eran castelán-falantes.

Coa chegada do Rexurdimento, diversos autores queren escribir na súa fala, mais encóntranse con que non saben como se escribe. Para facelo, usan a ortografía que mellor coñecen: a do castelán. Desde ese momento xéranse dúas correntes de opinión, a que quere continuar usando a ortografía castelá e a que quere crear unha ortografía etimolóxica e, portanto, achegada á do portugués.

Artistas como Eduardo Pondal advogan pola vertente etimoloxista (e escribe cingido en vez de cinxido, injuria en vez de inxuria no mesmo Himno Galego). A mesma Real Academia Galega nos seus comezos di que a ortografía con base castelá é temporal e non descartan nun futuro optar por unha máis acorde coa nosa historia.

Chegados á época da democracia parece resurxir unha nova esperanza para o galego. Fanse manuais e libros de texto nunha normativa chamada mínimos, que aúna cousas do galego normativo (hoxe, amábel, espazo) e características do reintegracionismo (dicionário, dixo-me, criazón). Non obstante, unha institución chamada Instituto da Lingua Galega decide crear unha outra ortografía, que grazas á Xunta gobernada pola UCD e máis tarde pola AP mediante chamado Decreto Filgueira pasa a ser a "oficial". Nace aquí a primeira das normativas que se iría actualizando até chegar á normativa actual (na verdade, só tivo dúas grandes alteracións, alén de algunhas ínfimas como as que ten o castelán anualmente).

Coa saída desta normativa, seguindo o movemento iniciado por Ricardo Carvalho Calero, a Comissom Linguística da AGAL escriben o Estudo crítico das "Normas morfolóxicas da Lingua Galega", co que dá comezo o reintegracionismo actual (estamos a falar do comezo da década de 1980).

A normativa de mínimos morre coa actualización normativa do 2003, co que o debate queda reducido a dúas opcións: Galego normativo ou galego reintegrado.


Argumentos a favor e en contra de cada unha das normativas:

Galego normativo:

A favor:
  • Facilidade de aprendizaxe para a xente que só coñece a escrita do castelán.
  • Coherente coa tradición escrita desde o Rexurdimento.
  • É máis fonolóxica (escríbese como se fala)
En contra:
  • Non distingue a abertura das vogais tónicas.
  • É máis permeábel á entrada de castelanismos (*suxerencia e *reflexar en lugar de suxestión e reflectir).
  • Crea un galego falado por só 3.000.000 de persoas na Comunidade Autónoma Galega.

Galego reintegrado:

A favor:
  • Coherente coa tradición escrita da Idade Media e o portugués actual.
  • Resalta características do galego (como marcar a abertura das vogais tónicas cos acentos gráficos ^ e ´).
  • Fai do galego unha lingua extensa e útil, falada por 254.000.000 de persoas en todo o mundo.
En contra:
  • Dificuldade de aprendizaxe para os que foron letrados en castelán ou en galego normativo.
  • Non é tan fonolóxica, senón etimoloxista.
  • Maior dificuldade para non cometer grallas (a pronuncia [sh] é grafada j, x ou g+e,i).


E iso do reintegracionismo que vén sendo?

O reintegracionismo, tamén chamado (non moi acertadamente) lusismo, é unha corrente lingüística. Baseándose na idea de que a día de hoxe galego e portugués continúan a ser a mesma língua, este movemento creou unha ortografía alternativa baseándose no portugués actual, herdeira da ortografía medieval galega. Con esta ortografía o galego pasa a pertencer ao sistema lingüístico portugués (mellor chamado galego-portugués, pois a lingua naceu na actual galiza e Norte de Portugal), e ter intercomprensión con todos os utentes da sexta lingua máis falada do mundo.

E logo, como se escribe e como se le?

Nota: Todas as anotacións fonéticas entre corchetes [] usan a ortografía do galego normativo.

Partamos da base de que ningún galego ten que mudar a súa pronuncia. Lese en galego, as alteracións son na escrita (a non ser algunhas palabras específicas). Grosso modo, para ler tedes que ter en conta estas normas:

Letras:
  • B e V pronuncianse como sempre (b), non hai que diferencialos como fan no sur de Portugal.
  • C+e,i, Ç e Z lense como os pronuncies normalmente, como [c] se es ceceante ou como [s] se es seseante (cinco, força e fazer lense como [cinko], [forza] e [facer] ou [sinko], [forsa] e [faser]).
  • G+e,i, J e X lense os tres como [x] (geral, hoje e peixe lense [xeral], [oxe] e [peixe])
  • LH lese como o [ll] (carvalho lese [carballo])
  • NH lese como [ñ] (caminho lese [camiño])
  • S e SS lense como [s] (rosa e nosso lense [rosa] e [noso])

Outras secuencias:
  • O -m final de palabra lese como o -n final de palabra. Os galegos pronunciamos un son velar, distinto do n e do m. Este son en medio de palabra pode marcarse como -mh- (do mesmo xeito que o -nh- do normativo) ou non marcarse. Así, um lese [unh] e uma/umha lese [unha].
  • O qu- pódese ler como [ku] ou como [k], dependendo do dialecto e da palabra en si. Así, cinquenta sempre é [cinkuenta], mais quatro pode ser [kuatro] ou [katro].
  • O til de nasalidade (~) é opcional. Se decidimos non usalo escribiremos camiom, alemám e irmao, lendo [camiónh], [alemánh] e [irmau]. Os plurais serían, respectivamente camions, alemáns e irmaos, lidos como antes mais acrecentando un s. Teremos tamén palabras como manhá ou , lidas como se escribe.
  • Se resolvemos usar o til de nasalidade as cousas complícanse un chisco. Nos singulares debemos diferenciar as pronuncias aínda que escribamos igual. Isto é, escribirmos camião, alemão e irmão e ler [camiónh], [alemánh] e [irmau]/[irmánh]. Os plurais correspondentes son camiões, alemães e irmãos, pronunciados [camións]/[camiós]/[camiois], [alemáns]/[alemás]/[alemais] e [irmaus]/[irmans]. Do mesmo xeito, palabras como manhã ou poderán ser lidas [mañá]/[mañánh] e [lá]/[lanh].

Usar o til de nasalidade ten a vantaxe de que engloba maior número de pronuncias dialectais, como o caso [irmau]/[irmánh] ou [camión]/[camiós]/[camiois], aínda que pode ser algo dificultoso ao comezo. Daí a dupla escolla (do mesmo xeito que o normativo permite -ble/-bel, -aría/-ería ou ao/ó).

Outras consideracións:
  • En reintegrado sempre é -vel (amável, possível), -aria (frutaria, peixaria) e ao.
  • As contraccións son iguais que no normativo, salvo que com+um nunca contrae e de+um e com+o poden contraer ou non segundo o rexistro do texto (se é coloquial contraen, se é culto non).

Entom, tés claro já como vai isto?

O movimento reintegracionista é um dos mais defensores do galego e nom procura o confronto por razom de normativa (salvo tolos, que há em todos os lados). Um dos seus (nossos) objectivos é o reconhecimento de ambas as normativas como oficiais, dum jeito semelhante ao caso norueguês. O reintegracionismo em geral luita polo galego seja na normativa que for, e respeita a quem tem umha opiniom diferente neste aspecto.

Se queres aprender mais sobre isto, aqui vam uns manuais:

E nom deixes de visitar estas ligaçons de interesse: