Chamamento a subtitular en galego


O artigo Chamamento a subtitular en galego foi publicado orixinalmente n'Os Arquivos da Meiga en 15 de agosto de 2012.


Necesítanse persoas cun bo dominio da lingua galega para colaborar na tradución de subtítulos
Especialmente estudantes de tradución, de filoloxía, profesores de lingua... e en xeral toda a xente que é, ou vai ser, a vangarda do idioma.


OS SUBTÍTULOS FEITOS POR FANS

Vivimos na época dourada das series de televisión. Antigamente para ver unha serie estranxeira había que agardar que un canal de televisión comprase o produto, fixese a tradución (case sempre en forma de dobraxe) e decidise emitilo á hora que mellor lle conviña. Agora xa non. A Internet ofreceunos a posibilidade de poder ver as series ao tempo que son emitidas nos seus países de orixe e poder descargalas ou velas en liña no momento en que a nós, espectadores, máis nos apeteza. E como cada problema ten unha solución, a barreira lingüística foi quebrada axiña polo fenómeno dos subtítulos feitos por fans.

Se buscamos o precursor deste fenómeno, é sen dúbida o anime. As series e filmes de animación feita no Xapón foron toda unha revolución que moveu lexións de fans ávidos de calquera novidade. Foi aí cando comezaron a abundar os chamados fansubs, comunidades de afeccionados por todo o mundo que facían subtítulos para achegar á súa lingua as obras xaponesas.

No momento actual os subtítulos feitos por fans están no seu maior momento histórico. Comunidades ao longo do planeta traducen series, filmes e anime a moitísimos idiomas. Desde clásicos fansubs que traducen anime xaponés até equipos de tradución de series calquera nacionalidade, son millóns os fans que se organizan para traballar altruistamente achegando ás súas comunidades lingüísticas obras que doutro xeito tardarían en ver ou mesmo non chegarían a coñecer.


A INDUSTRIA DOS SUBTÍTULOS

Os subtítulos, tamén chamados lexendas, non son patrimonio dos fans. É un método de tradución do audiovisual amplamente usado desde vello. Se ben no noso país estamos máis acostumados á dobraxe, principalmente por un costume herdado do Estado español, noutros lugares do mundo os subtítulos son a práctica máis habitual. Si, direi o exemplo que todo o mundo está a pensar: Portugal.

Isto implica a existencia dunha industria ao redor dos subtítulos, máis viva desde a aparición do DVD e a posibilidade de poder ver os filmes en varios idiomas, intensificada agora coas opcións da TDT. E habendo moitos postos de traballo de profesionais que comen de facer subtítulos... os subtítulos feitos por fans non axudan á desaparición dos seus traballos? A resposta é un rotundo non.

Os subtítulos feitos por fans nacen para cubrir unha demanda que a industria ignora, ou quere ignorar. Mentres non haxa unha alternativa da industria para poder ver as series subtituladas ao día seguinte da súa emisión orixinal e cunha ampla variedade que cubra a demanda da maioría dos espectadores, haberá a necesidade de subtítulos feitos por fans. Á parte, estes subtítulos non substitúen aqueles feitos por profesionais, que serán os que se editen nos DVD e BluRay e os que sexan emitidos pola TV. Por tanto, os subtítulos feitos por fans son precisos e non prexudican a industria.

OS SUBTÍTULOS E A LINGUA GALEGA

E chegamos ao noso, ao galego. A tradución feita por fans en galego está nunha situación pésima. Por comodidade ou descoñecemento, a xente galegofalante bótase aos subtítulos en castelán (ou, en menor medida, ao portugués) para ver as series e o anime. E como a xente non o demanda, poucos son os que se animan a traducir ao galego. Eis o primeiro problema.

A segunda pexa con que nos encontramos é a calidade destas traducións. Temos que valorar enormemente o traballo destas persoas que se atreven a rachar a tendencia e gastar o seu tempo, mais as máis das veces teñen mellores intencións que dominio do idioma. E é normal ao vivirmos nun ambiente falto de referentes escritos (e orais) nun galego correcto e sen faltas, mais sen dúbida non é nada desexábel.

Con todo, aínda que os subtítulos feitos por fans na nosa lingua non acaben de callar, temos unha industria e unha administración conscientes de que é preciso dar a xente a oportunidade de acceder a estes servizos en galego... ai, non, cala. Temos só dous canais autonómicos integramente en galego, financiados con diñeiro público, que aínda se dotaron dos instrumentos para emitir subtítulos na TDT hai pouco. E non van gastar en subtítulos cando xa teñen a dobraxe. E o mesmo a respecto das distribuidoras de DVD e BluRay, que xa non poñen nin a dobraxe galega mesmo habéndoa. E xa non falemos dos cinemas.

COLABORA NA TRADUCIÓN DE SUBTÍTULOS

Nesta situación, que vas facer? Aceptar a derrota ou axudar a que a nosa lingua encontre o seu lugar?

As posibilidades que existen son varias. Por un lado podes traballar por ti só, organizarte coas túas amizades e formar un equipo de tradución ou unirte ao MeigaSubs, o equipo de tradución deste foro, onde facemos subtítulos en galego basicamente de todo o que podemos abranxer. E aínda que decidas non unirte ao MeigaSubs, desde aquí ofrecémosche toda a nosa colaboración para montardes o voso equipo de tradución ou faceres subtítulos pola túa conta.

Unha vez decidas traducir, á hora de publicar debes ter en conta un par de cousas para chegar ao maior público posíbel. Nos subtítulos de series ou filmes existe a web SubtitulosenGalego.com, lugar de referencia para subir o teu traballo. Aínda así, animámoste a que diversifiques e tamén subas os subtítulos ás principais webs mundiais, como OpenSubtitles.org, que teñen sección para a nosa lingua. Para o anime, que normalmente é distribuído nun único ficheiro co vídeo e subtítulos, podes compartilo por P2P e publicalo nesta mesma web (Os Arquivos da Meiga).

As posibilidades son varias e desde aquí ímoste axudar escollas a que escolleres.