A curiosidade matou o gato


O artigo A curiosidade matou o gato foi publicado orixinalmente no número 36 de Auriensis, a revista do Ilustre Colexio Oficial de Médicos de Ourense, en outubro de 2017.



O outro día veu facer un recoñecemento médico un home acompañado polos dous fillos pequenos. Até aquí todo normal, no verán ás veces é difícil encontrar alguén que coide dos nenos. Non pasa nada, normalmente son guiadiños e pórtanse ben. E este caso non foi unha excepción.

Nun momento determinado, en canto facía ao pai as probas de acuidade visual, os dous nenos comezaron a murmurar entre eles. Logo dun anaco, cando acabou a proba, un deles armouse de valor e preguntoume polo “chisme con buraquiños” que usara. Inmediatamente o pai repreendeuno e mandoulle calar dicindo “Non molestes!”.

Curiosamente, o que me molestou non foi a pregunta do neno, foi o “Non molestes!” do pai.

Ignorando o comentario do pai, dirixinme ao neno. Pregunteille “Cando non ves ben algunha cousa, como fas cos ollos para veres mellor?”. O neno inclinou a cabeza para diante e entornou os ollos, co típico xesto de alguén cando mira ao lonxe. “Iso é, para ver mellor pechas un pouco os ollos, e iso fai que lles entre menos luz. Este buraquiño fai exactamente o mesmo.” O neno miroume cos ollos arregalados e expresión de fascinación, deixeille o estenopeico e púxose a probalo.

Volvín ao pai para continuar co recoñecemento, e vin que estaba a mirar para min coa mesma cara de fascinación que tiña o neno. Díxome “Vaia, non sabía iso. Que interesante!” e aínda estivemos un pouco máis a falar do tema.

Esta anécdota, que parece unha parvada, non ten nada de parvo. Reparade na actitude dos nenos, a súa curiosidade, a súa gana de saber. Reparade na actitude do pai, que reprime a curiosidade dos fillos como se fose algo mao. E reparade no final, onde se ve que tanto os fillos como o pai acaban interesándose no tema. Que conclusión tiramos disto?

Desde pequenos ensínannos que a curiosidade, a sede de coñecemento, o fedellar, son cousas que están mal. “A curiosidade matou o gato”, dicían as nosas avoas. Mais tamén dicían aquilo de “Un home é un home, e un gato é un bicho”. E é que nós nos somos gatos, somos humanos, e a curiosidade é algo inherentemente humano. Os avances na medicina, na ciencia, e na sociedade en xeral veñen precisamente da curiosidade. Sen a curiosidade non vamos a ningures. Non a reprimamos.